Que vas ser de maior?
Profesor, veterinario, astronauta… moitas e moi dispares eran as respostas que dabamos os cativos dos anos noventa. Quen puidera voltar mais, non é a melancolía o obxecto desta columna senón a pregunta en si mesma, esa predición que os nosos maiores nos solicitaban por diversos motivos, especialmente cando nos querían mercar un ben material ou xoguete nalgunha ocasión especial.
Os que traballamos con rapaces de tódalas idades estamos afeitos a realizar esa pregunta e comeza a vislumbrarse unha preocupante evolución, xa que os rapaces e as rapazas de hoxe en día parecen estar a perder a inocencia de xeito galopante. Cada vez dáse en persoas máis xoves a resposta de “onde se gañen máis cartos”. Xa non queren “ser como” senón “gañar como”. Non quixera eu criticar a ambición dos futuros adultos; porén, a desnaturalización da sociedade comeza a semellar irremediable, xa que se está a crear un mundo no cal as persoas se adican ó que poden e non o que queren ou lles apaixona. Todo elo mesturado cunha sociedade que cada vez quere recompensas máis rápidas con menos esforzo e ca mínima dificultade posible.
Son múltiples os factores que están producindo esta situación: unha universidade cuxo prezo ascende tanto coma as dúbidas que os adolescentes teñen da súa utilidade, un sector público que asemella ser un comodín ilimitado en caso de evento económico ou as constantes críticas ó diferente que, por desgraza, seguen convivindo connosco.
É lexítimo que, como consecuencia do apoxeo do sistema de mercado, evolucionemos cara ser empresarios de nós mesmos cando nos achegamos á trintena, mais esta situación debería provocar inquietude a máis dun e dunha cando se dá en rapaces de, incluso, por debaixo dos dez anos, xa que se lles roubamos a súa inocencia antes de que a sociedade o faga, que lles queda?
Comentarios
Publicar un comentario