O asasino en serie (II). A capacidade de organización.


A primeira das clasificacións que se vai abordar nesta serie de publicacións sobre un tema tan controvertido e, ó mesmo tempo, tan atractivo como o dos asasinos en serie é a que diferencia entre asasinos organizados e desorganizados, unha clasificación que aporta unha importantísima cantidade de datos á hora de realizar o profiling.

O primeiro dos criterios axeitados para realizar unha análise da conducta criminal dos asasinos seriais refírese as cualidades persoais dos suxeitos dende un punto de vista subxectivo. Este criterio indícanos que, mentres os suxeitos organizados son metódicos, controladores e competentes no eido das relacións sociais, os desorganizados teñen unha personalidade impulsiva e carente de habilidades sociais, ademais de un escaso coeficiente intelectual e unha incompetencia elevada no que se refire ó laboral. Unha escena organizada é aquela cuxo suxeito activo é unha persoa de intelecto medio-alto e con aptitudes destacábeis para o traballo.

Os asasinos seriais organizados gostan de procurar por información relacionada cos seus crimes nos medios, así coma de estar informados da situación das investigacións, retando á policía e sempre perseguindo o control da situación. Todo elo, presidido por unha personalidade antisocial ou psicopática. Por outra banda, os asasinos seriais desorganizados desvincúlanse do seguimento das investigacións policiais ou outro tipo de dilixencias xudiciais, sen especial relevancia de conflitividade policial. A súa personalidade caracterízase por ser esquizoide, é dicir, padecer enfermidades mentais de diverso tipo.

Un segundo criterio no que se debe centrar o procedemento de profiling criminal é no da evidencia da planificación. Cando se atende a esta, hai que afirmar que, nunha escena organizada existe unha planificación coidadosa e minuciosa do delito. A selección do arma é meditada previamente e nunca queda no lugar dos feitos, unha escena que, en moitas ocasións, pode atoparse a unha grande distancia do agardable atendendo ás zonas habitualmente frecuentadas polo suxeito activo. Ademais tratan de facer desaparecer o cadáver ou ocultalo así como, tapar as evidencias na medida do posible. 


Pola súa parte, un delincuente desorganizado, produciría un ataque pouco ou nada planificado, sen selección de arma e incluso esquecéndoa no lugar dos feitos, xa que, en moitas ocasións, a conduta delictiva é froito da oportunidade. Non adoitan a recorrer grandes distanzas para delinquir, xa que, para elo, debería levar a cabo unha planificación maior.

Avanzando no estudio dos criterios para falar de asasinos seriais organizados ou desorganizados, hai que sinalar a importancia da violencia xerada na conducta. Un suxeito produtor dunha escena organizada é perfectamente capaz de controlar a súa conducta, incrementándose a posibilidade de violación e tortura previas á produción da morte que resultan nun asasinato lento e presidido pola agravante do ensañamento físico e moral. Por outra banda, un asasino desorganizado é incapaz de mante-lo control sobre a violencia exercida, producindo así asasinatos máis brutais pero tamén máis rápidos e que, en moitos casos rematan ca realización de actos lesivos postmortem.

Un derradeiro criterio é o da análise da relación existente entre o agresor e a vítima, xa que existen importantes diferencias. Namentres o delincuente meticuloso realiza unha selección axeitada ó significado que para este ten o acto e, xeralmente, entre persoas coñecidas; o individuo contrario realiza unha selección aleatoria xa que, unicamente, dálle resposta á súa necesidade de matar, sen ter relevancia o coñecer ou non a esta persoa. 

O proceso de acercamento á vítima prodúcese a través dun acercamento verbal no que media engano e tratando de controlar a conversación e a situación para levar a cabo unha situación de confusión nela, pola súa parte, o asasino serial desorganizado leva a cabo un acercamento brusco, en moitos casos presidido pola aleivosía, exercendo o control desde a forza bruta, tratando á vítima como un obxecto, xa que, ó contrario que para o primeiro, non ten ningún significado.

Como derradeiro punto a abordar é importante dicir que os expertos na materia falan cada vez máis de escenas que de asasinos pola dificultade do encadramento subxectivo de cada un, sendo, tamén cada vez máis común a aparición de escenas mixtas. Esta dificultade derívase do intento de etiquetaxe que se produce na sociedade actual, a través de clasificar e, a fin de contas, estereotipar ós delincuentes. Por todo elo enténdese que esta diferenciación, para incrementar a súa utilidade, debe ser tomada en consideración para falar, grosso modo, de psicópatas e psicóticos, que serán obxecto de análise na próxima entrega de este grupo de publicacións.

Comentarios

Entradas populares