O porvir da reinserción


Vivimos actualmente nunha sociedade que  – en termos de Bauman – podemos cualificar como líquida. Mais a pregunta sería: a que nos referimos co termo de liquidez social? Explica o recentemente falecido filósofo polaco que vivimos nunha sociedade na que os valores sólidos, como son o traballo, a vivenda ou a familia están a ser sometidos a un proceso de licuación de xeito que cada vez vai máis rápido e esmorece con maior rapidez.

Desafortunadamente esta especie de disolución da sociedade está a afectar ao mesmo tempo a outros valores como son os do dereito e, máis concretamente aos do dereito penal. O sistema alcanzado – sempre a nivel estatal – entre finais do século XX e comezos do século XXI consolidaba á fin a humanización das pena así como o valor da prevención delictiva e da reinserción social. Esta consolidación atopábase en pleno intre de solidificación. Todo elo a pesar da práctica inexistencia dunha política criminal de calidade e falta de estudios estatísticos, que está a ter como resultado o feito de xerar unha xigante controversia no que respecta aos valores que ata o de agora inspiraban o dereito penal e a ciencia penitenciaria.

Mais non soamente a preocupante inoperancia institucional está a ser responsable desta controversia senón que tamén podemos agregar o interés electoral, a existencia duns medios de comunicación carentes de expertos nas súa tertulias e a capacidade da opinión pública para opinar de todo sen informarse previamente. Unha boa parte da poboación esgrime o argumento de que “é necesario ter man dura” ou, o que en términos penais se coñecería como endurecemento das penas para rematar ca delincuencia. Esto é: o establecemento de máis delitos, de penas máis duras e polo tanto de máis cárceres. Alcanzamos neste punto unha sorte de desocialización do internamento penitenciario posto que, en ningún momento, se pensa sobre a función social do cárcere e, ademais, esquecemos por completo o feito de que –criminal ou non- atópase dentro da mesma sociedade ca nós e polo tanto debemos rehabilitalo para enriquecer a mesma en lugar de pechalo nun cárcere ou, directamente erradicalo da mesma coma se dun virus se tratase. Afortunadamente a sociedade evolucionou en moitos aspectos e, por suposto, tamén no da xustiza. Hoxe en día, comprendemos o fenómeno delictivo coma un feito plurifactorial e – por suposto – derivado dunha diversa caterva de motivos que o orixinan e o explican, pero nunca o xustifican.

Sería digno dun fenómeno de ilusionismo tratar de defender unha postura en favor da reinserción sen aportar datos numéricos ou estatísticos, eles sono todo. Non é tarefa sinxela atopar estudios que aporten cifras sobre reinserción e reincidencia máis alá dos informes anuais que aporta o Ministerio de Interior ao Instituto Nacional de Estatística anualmente con respecto á poboación reclusa. 

Os cárceres españois teñen cada vez menos reclusos (a pesar de ser un dos países de Europa con maior número de presos e presas), no ano 2015, alcanzaba a poboación carceraria o sexto ano consecutivo reducindo os seus números, un 5,2% menos que en 2014. Segundo os achádegos da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, son xa seis anos seguidos descendendo dita estatística. Nestes seis anos diminuíu o número de reclusos nun 19%, case 15.000 menos.

A pesar das estatísticas aportadas, a opinión publicada – non a opinión pública -  manifesta unha vontade a prol do endurecemento de penas, así como do incremento dos tipos penais. Deste xeito dáse preponderancia ao obxectivo de castigar á aqueles que cometeron un ilícito penal, un obxectivo necesario pero que debe estar en equilibrio coas outras dúas metas, é dicir, a prevención xeral e específica e o da reinserción e reeducación social dos presos, como establece a Constitución – artigo 25.2 -, tan interesadamente utilizada ou ignorada. A consecuencia é que un estado cuxa norma fundamental establece este obxectivo reinsercionista, debe crer nel; nembargantes a existencia de reformas tendentes ao endurecemento das penas e ao incremento dos ilícitos parece deixar clara unha sangrante falta de fe en dito valor humanitario.

Aqueles que nos consideramos profundamente reinsercionistas, sempre estando a favor de castigar con severidade e proporcionalidade a aqueles que cometen atentados contra a sociedade en forma de crime, facémonos en moitas ocasións unha pregunta: para que o cárcere? Para nós está claro. En xeral, coincidimos no feito de considerar que o feito multicausal do delito debe ser castigado, pero debe ser estudiada a súa motivación co fin de previr futuros acontecementos tanto na sociedade como no propio individuo. Mais, aqueles que non cren na reinserción nin na prevención individual, deben motivar por tanto a necesidade dun sistema carcelario ( hacia o cal camiña a sociedade ) e para que casos se descarta a súa eficiencia.

A conclusión de todo o exposto no anterior parágrafo semella clara: é sinxelo tomar casos mediáticos – que, xeralmente, non representan máis do 5-10% -  dos que acontecen en total e, aproveitalo para criticar un sistema formado de varios valores que tendían á solidez social como o da humanización e a reinserción social. Unha vez que se afonda no debate, seguimos á espera de que aqueles que soamente saben falar de endurecemento aporten argumentos de peso e cifras que soporten a petición dun sistema, que para moitos de nós é mellorable, pero non a base de garrotes e talións.

Comentarios

Entradas populares