O criminal xove (I)

Ó longo da curta historia da criminoloxía en particular e da máis longa historia do dereito penal en xeral, atopámonos unha importante cantidade de intentos de clasificar ós criminais segundo diversos criterios. Nesta ocasión centrareime na tipoloxía que atende ó criterio da idade, segundo a cal existen os criminais xoves e os criminais adultos.

A idade, que exerce de punto de inflexión, é a maioría da mesma e, consecuentemente a normativa aplicable ó suxeito dependendo da súa idade. A fin de contas, o criminal xove é aquel menor de 18 anos que se atoparía baixo a xurisicción da Ley Orgánica 5/2000, de 12 de enero, reguladora de la responsabilidad penal de los menores; mentres que, pola súa parte, o criminal adulto sería aquel sobre o cal recaería o peso das consecuencias xurídicas do Código Penal ou Ley Orgánica 10/1995, de 23 de noviembre.

Entrando xa en materia, é preciso establecer unha división en delincuentes grupais e delincuentes individuais, de xeito que, no día de hoxe falaremos dos primeiros, os delicuentes xoves grupais. Podemos observar os seguintes tipos:
  • Propensos á causación de danos materiais
Este primeiro grupo de criminais xoves respostan a un perfil grandemente seguro de si mesmos, ademáis trátase de rapaces cunha personalidade negacionista, xa sexa de cara ás normas da sociedade como ás autoridades, tanto de carácter paterno, no seu fogar; como dos corpos de policía no ámbito público.

Xeralmente proveñen de familias nas que a supervisión ou a protección destaca pola súa ausencia; non obstante, non ten porque tratarse necesariamente de familias conflitivas.

As súas preferencias delituosas diríxense cara a provocación de danos materiais en grupo, é dicir, delitos contra a propiedade, en forma tanto de forza nas cousas como de roubos. O vandalismo desorganizado e improvisado é a súa firma, sinxelo de identificar por norma xeral.

Por contra, non adoitan ser propensos ás pelexas ou agresións físicas salvo en casos de pelexas entre bandas ou grupos.

  • Propensos á causación de danos físicos
Este tipo de xoves criminais adoitan proceder de familias desestructuradas con antecedentes de violencia doméstica observada no pasado por eles e reproducidas no presente. Inician as súas actividades delituosas na adolescencia. Non senten ningún tipo de apego nin pola súa familia nin por ningún tipo de obrigas, xa sexan no eido educativo coma laboral.

Non acostuman a ser coñecidos polas súas habilidades para efetuar roubos ou delitos de danos; nembargantes son altamente propensos a todo tipo de pelexas sen importar, en moitos casos, a proporcionalidade, actuando en moitos casos en superioridade numérica. En moitas ocasións desempeñan un cargo de liderado no seu grupo ou na súa banda.

Un trazo caraterístico da personalidade deste tipo de rapaces é a estabilidade no tempo, é dicer, unha vez que detectan á súa vítima repiten as agresións sobre a mesma ou sobre as mesmas. A consecuencia direta deste elemento de continuidade provoca situacións desafortunadamente famosas coma a do acoso escolar, polo tanto, os acosadores que atopamos nos centros escolares e que actúan en grupo pertencen, na súa maioría a esta tipoloxía.
  • Ocasionais
Este tipo de delincuentes son vítimas dun elemento de inmadurez moi pronunciado e que produce neles unha sorte de irresponsabilidade ou incapacidade de percibila gravidade das consecuencias dos seus actos. Son típicos estes comportamentos na preadolescencia e nos anos vindeiros, xa que realizan estes comportamentos coma un xeito –errada- de diversión, por tanto, van de máis a menos.

Adoitan proceder de familias na que a supervisión é excesiva e, en ocasións, demasiado tendente ó castigo. Deste elemento derívase o feito da súa intermitente pertenza ós grupos ou pandillas, polo que a súa carreira delituosa vese moi limitada.

As preferencias delituosas son de travesuras graves que acostuman a dar como resultado delitos leves de danos contra diversos tipos de materiais.

Comentarios

Entradas populares